30 de maio de 2013

Cursos de idiomas no estranxeiro 2013

Desde o Instituto achégannos a información sobre o programa de Cursos de idiomas no estranxeiro que pon en marcha a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

Tendes toda a información en http://xuventude.xunta.es/cursos-de-idiomas-no-estranxeiro.html

19 de maio de 2013

Charla no Instituto sobre ORIENTACIÓN UNIVERSITARIA


O vindeiro xoves 23 de maio, ás 20:00 h., no Paraninfo do IES Sánchez Cantón, vaise impartir unha interesante charla dirixida especialmente a pais/nais e alumnos/as de 4º da ESO. A charla será impartida por Ricardo Corderí e Conchi Hermida da Sección de Información, Orientación e Promoción do Estudante da Universidade de Vigo (SIOPE) acerca tanto da Universidade e os seus servizos coma do acceso á mesma.

 

 

Estamos a traballar nunha charla sobre a problemática das drogas na adolescencia.

A información sobre estas charlas e outras novas que consideramos de interese podedes seguila neste blog, ou recibíndoa no voso correo mediante a subscrición ao blog que atoparedes no menú lateral.

8 de maio de 2013

FOLGA XERAL NO ENSINO 9 DE MAIO


Estimadas familias:

Dende a Federación Provincial de ANPA de Pontevedra e a ANPA O Verxel do IES Sánchez Cantón queremos informarvos que a Plataforma en Defensa do Ensino Público, á que pertencemos mediante CEAPA, fai un chamamento a docentes, pais, nais e estudantes a secundar e apoiar a folga no ensino público que terá lugar o xoves 9 de maio para pedir a retirada do proxecto da Lei orgánica de mellora da calidade educativa (LOMCE) e contra os recortes que sofre o sistema educativo, tanto estatal como autonómico.

QUEREMOS UNHA EDUCACIÓN PÚBLICA, IGUALITARIA E DE CALIDADE.







7 de maio de 2013

Banco de libros de texto

Por segundo ano a Concellaría de Benestar Social do Concello de Pontevedra pon en marcha o Banco de Libros de Texto, despois da gran acollida do pasado ano.

É unha boa iniciativa para axudar ás familias e para reciclar os libros de texto que xa non nos fan falla.

Animámosvos a participar, é moi sinxelo seguindo as indicacións do Banco de libros, onde atoparedes toda a información.

6 de maio de 2013

O Sánchez Cantón clasificouse en terceiro lugar na final do Club de Debate, e con sorpresa ...


O equipo do Sánchez Cantón quedou de terceiro clasificado na final galega do Club de Debate que se celebrou o pasado sábado 4 de maio no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela. Os gañadores foron os equipos do CPI dos Dices de Rois e do IES Saturnino Montojo de Ferrol.

O tema de debate foi O galego é unha oportunidade, e o equipo do Instituto debateu con gran convicción, tanto a favor como en contra, ante rivais moi fortes. Detrás había moitas horas de preparación e traballo en común.

O alcalde de Santiago e outras autoridades


Algúns momentos do debate da mañá fronte ao equipo de Ferrol en imaxes:
Debatendo en contra
Helena Egea argumenta fronte o equipo de Ferrol
Sen nervios
María Bará na súa exposición


O apoio audiovisual
Camaradería cos contrincantes
No debate da tarde fronte ao equipo de Ourense tocoulles debatir a favor:
Carlos Pérez defendendo a postura a favor
O xurado
Ao final da xornada o xurado proclamou gañadores en pe de igualdade aos equipos de Rois e Ferrol
Foi tal o bo ambiente entre os participantes e as relacións que xurdiron entre eles que, para sorpresa de todos, decidiron compartir o premio da viaxe cultural e serán os tres primeiros clasificados os que realizarán a excursión de fin de semana a Taramundi a finais do mes de xuño.

Parabéns ao alumnado participante e aos seus preparadores polo esforzo realizado e os resultados acadados!!

Podedes ver todas as imaxes da xornada na páxina do Facebook do Club de Debate
Máis información no xornal dixital PontevedraViva

2 de maio de 2013

Convocados os premios extraordinarios de bacharelato 2012-2013

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convoca os premios extraordinarios de bacharelato para o alumnado que finalice os estudos no curso 2012-2013. O prazo remata o 7 de xuño de 2013.

Podedes consultar a convocatoria no DOG do 30/04/2013

1 de maio de 2013

Actividades de maio

Aqui ven o maio de frores cuberto...



  • Estamos a traballar no calendario doutras charlas a impartir neste mes de maio, unha de orientación académica co S.I.O.P.E. da Universidade de Vigo, e outra sobre alcohol e drogas na mocidade, das que vos iremos dando conta.

  • Lembrámosvos que este sábado 4 de maio o equipo do Instituto do Club de Debate participa en Santiago na final galega co tema "O galego é unha oportunidade". Desde a ANPA queremos desexarlles moita sorte.