24 de nov. de 2011

COMUNICADO DA FANPA E DAS ANPAS DE PONTEVEDRA

 

A FANPA E AS ANPAS DE PONTEVEDRA,  nas  xuntanzas  que  mantivemos  a  semana
pasada, acordamos presentar este comunicado de prensa:

1 A EDUCACIÓN é un valor incuestionable para calquera sociedade.

2 A EDUCACIÓN é un dereito de todos os individuos e permite que todas as persoas, sen
ter en conta a súa clase social nin o seu nivel económico, teñan as mesmas oportunidades.

3 EDUCACIÓN significa investimento en futuro.

Por iso, manifestamos:

1  Os  pais  e  nais  non  imos  permitir  que  ningún goberno  recorte  as  prestacións e
investimentos na educación pública. Esixímoslle á Xunta de Galicia que dea marcha atrás
nas súas medidas  de recorte na educación e manteña os servizos e prestacións (tanto
materiais coma de recursos humanos)  que se  viñan ofrecendo  nos colexios e  institutos
públicos da nosa comunidade, e que xa eran insuficientes.

2 Os pais e nais somos coñecedores de que agora non se poden desdobrar as aulas. O PROA
(Plan de Reforzo e Orientación Académica) esvaeceuse, os especialistas están a impartir
calquera materia, non se teñen en conta as necesidades individuais de cada centro para
dotalos de PT (Pedagoxía Terapéutica), AL (Audición e Linguaxe), orientadores/as… E todo
se xustifica coa crise. En educación non nos vale. Aquí non pode haber crise. A educación
é o vehículo que nos permitirá saír dela.

3  Os  pais  e  nais  sempre  nos  manisfestamos  en  apoio  dos  profesores  e  profesoras.
Pedímoslles  que  continúen   a  pór  en  marcha  as  actividades  complementarias,  xa
reiniciadas na maioría dos centros, (postura que defenderon todos os sindicatos na reunión
coa FANPA); sen dúbida, teñen unha grande importancia na calidade educativa que todos e
todas defendemos.

4 Os pais e nais continuaremos a defender con toda a firmeza necesaria os nosos dereitos
e os dos nosos fillos e fillas para impedir o deterioro do NOSO ENSINO PÚBLICO e
reivindicar a calidade que todos e todas desexamos.

Pontevedra, 23 de novembro de 2011

Ningún comentario:

Publicar un comentario