22 de nov. de 2025

I Xornada de formación para as familias: Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa

 A Xunta de Galicia desenvolverá unha xornada de formación dirixida ás familias co título “A familia como base do crecemento persoal e emocional”.

A formación abordará aspectos como o establecemento de límites para as rapazas e rapaces ou o uso responsable das novas tecnoloxías.

A xornada terá lugar o vindeiro sábado 29 de novembro no CIFP Politécnico de Santiago de Compostela en horario de mañá. Pódese realizar a inscrición de balde a través do Portal Educativo, na ligazón https://centros.edu.xunta.gal/dxoie/gl/form/inscricion-formacion-de-familias, ata completar o límite de 300 prazas.

14 de nov. de 2025

🎄 Campaña de Rifas Solidarias para Viaxes Escolares



 Dende o ANPA queremos informar que, tras a solicitude de varias familias, imos colaborar nunha iniciativa de recadación colectiva mediante a venda de rifas, destinada a apoiar economicamente as seguintes viaxes escolares, cuxos participantes respaldaron por votación o seu interese na proposta: a viaxe de intercambio a Cerdeña do alumnado de 4º da ESO e a excursión de 1º de Bacharelato.

📌Como funcionará a recadación?

  • Organizarase unha venda de rifas cuxo premio será unha cesta de produtos do Nadal doada polo supermercado Froiz.
  • A recadación xestionarase de forma separada para cada excursión.
  • O diñeiro recadado en cada grupo repartirase unicamente entre o alumnado que participe activamente na venda e supere o mínimo de participación que se estableza.
  • O importe asignado a cada alumno/a descontarase directamente da cota que lle corresponda pagar pola viaxe.

Esta iniciativa busca fomentar o compromiso e a colaboración entre o alumnado, ao tempo que ofrece unha vía de apoio económico para as familias. Dende o ANPA agradecemos a implicación de todas as persoas que fan posible esta campaña, especialmente ao supermercado Froiz pola súa colaboración.

📌Proceso de Entrega e Venda:

  • Entrega Inicial: Proporcionarase a cada alumno/a un talonario de rifas. Rexistrarase o número de talonario e o nome do alumno/a que o recibe.

  • Recollida de Novos Talonarios: Unha vez que o talonario inicial estea completamente vendido, o alumno/a poderá recoller un novo talonario, momento no que deberá entregar o diñeiro recadado polo talonario anterior.

  • Puntos de Entrega de Diñeiro: A recadación entregarase no instituto os martes á hora de entrada (aos membros do ANPA) ou en Conserxería en calquera outro momento. Se lles é máis cómodo, os pais poden facer ingreso no ES3100490205022910320048 poñendo no concepto RIFAS e o nome do fillo.

📌Prazos de Venda e Devolución:

  • Data Límite de Venda: O prazo máximo para a venda e xestión das rifas é o último día lectivo antes das vacacións de Nadal.

  • Devolución Obrigatoria: Antes da data límite, todos os alumnos/as deberán entregar:

    • Os talonarios de rifas non vendidos (coas súas papeletas correspondentes).

    • O diñeiro total recadado polas rifas vendidas.
Animamos a todos os participantes a involucrarse e a contribuír con entusiasmo!