12 de out. de 2020

Xuntanza do xoves 8-10-2020 ás 20,15 horas no instituto

Estivemos presentes 3 persoas representantes da Xunta Directiva da ANPA, 3 do grupo de nais e pais, e 3 do Equipo Directivo do IES Sánchez Cantón. Durou dúas horas.

Levouse a cabo nunha aula, para que viramos como son as aulas e a estrutura que teñen, e que condiciona o que se pode facer nelas e como poden distribuírse.

A directora explicounos polo miúdo o desenvolvemento dos acontecementos dende o 31 de agosto ata o de agora. E ela e o xefe de estudos, comentáronnos as actuacións que levaron a cabo e o resultado destas.


A finais de agosto saíu a “ORDE do 28 de agosto de 2020 pola que se modifican determinadas medidas previstas no Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, e se dispón a publicación da Orde comunicada do ministro de Sanidade, do 27 de agosto de 2020, mediante a que se aproba a declaración de actuacións coordinadas en saúde pública fronte ao COVID-19 para centros educativos durante o curso 2020/21.”

Un cambio importante que fixo esta Orde, foi poñer a “distancia interpersoal de, polo menos, 1,5 metros nas interaccións entre as persoas no centro educativo”, e nas aulas eses 1,5 m mídense “dende o centro das cadeiras”, entre unha cadeira e a contigua. Antes a distancia estaba nun metro, aínda que nas demais Comunidades Autónomas xa a tiñan en metro e medio.

Pero isto levou a que, a partir do 31 de agosto, houbese que remodelar a organización das aulas, que xa estaban organizadas, neste centro e nos demais.

A Dirección do centro valorou a situación en función do número de alumnado, profesorado, persoal de limpeza, aulas... E, tendo en conta as medidas fronte á COVID-19, solicitou 39 docentes (e persoal de limpeza), dado que había que desdobrar os grupos de alumnado, e non se podían instalar anteparos (a estrutura escalonada das aulas faino inviable, ademais de existir razóns de saúde nunhas aulas tan pequenas), e houbo que pasar as clases de Bacharelato ás tardes por falta de espazos. Ao mesmo tempo, buscou aulas noutros espazos e locais que puidesen servir de aulas, en organismos oficias distintos da Consellería de Educación (Deputación...).

A Consellería de Educación concedeu 23 docentes. Polo tanto, con 16 profesores/as menos, o IES non podía dar clases presenciais a todos os cursos, e a educación secundaria obrigatoria (ESO) non pode ser semipresencial porque é obrigatoria, así que a Dirección do centro acolleuse á ensinanza de semipresencialidade rotatoria en bacharelato, segundo a “ORDE do 16 de setembro de 2020 pola que se ditan instrucións sobre o comezo do curso académico 2020/21 e pola que se modifica a Orde do 25 de xuño de 2020 pola que se aproba o calendario escolar para o curso 2020/21 nos centros docentes sostidos con fondos públicos na Comunidade Autónoma de Galicia”. Isto foi aceptado pola Inspección Educativa.

Houbo xuntanzas das direccións dos institutos da cidade cos inspectores e inspector xefe. Xuntos e por separado. Cada centro coas súas circunstancias e problemas.

Estiveron no Sánchez Cantón o xefe territorial, a comisión de escolarización, o xefe de obras e a inspectora. E puideron comprobar alí mesmo os problemas que hai para a presencialidade total.

Este instituto ten moito alumnado e moito profesorado, e unha grande diversidade de materias optativas. Xestionar un centro grande é máis difícil ca xestionar un centro pequeno.

Foron descartados os centros educativos de Pontevedra para acollernos en quenda de tarde e con presencialidade completa. Resulta imposible cubrir a nosa demanda nin sequera con anteparos. Nós temos grupos de 31, 32, 33 e un grupo, mesmo, de 34. Só temos dous de 28 e un de 27. No IES Torrente Ballester, que era a nosa mellor opción, non cabemos, e o IES Valle Inclán ten aulas pequenas, e pola tarde está a Escola de Idiomas, e despois teñen Nocturno.

De base, aínda fan falta 16 docentes e 2 persoas de limpeza. Pero o coronavirus segue aí, e as demais enfermidades tamén, así que hai baixas que hai que cubrir no día a día.

Neste momento, o escenario posible pasa por:

* Incremento de profesorado. E, dependendo deste incremento, poderá atenderse á presencialidade. Se dan pouco, habería que priorizar ao alumnado que vai facer a ABAU (2º de bacharelato), e se dan máis, podería atenderse a presencialidade tamén para 1º de bacharelato.

* Duplicación dos fluxos de alumnado circulando polo centro; de 154 por quenda pasariamos a 308, e o seu correspondente profesorado. Aumento da carga viral.

* Reaxuste de todas as materias optativas. Podería darse semipresencialidade nas optativas e presencialidade 100% nas troncais. Por outra banda, se se ofertasen menos optativas, podería atenderse máis ás necesidades de profesorado e espazos, e tamén á de limpeza. Pero este reaxuste esixe a aceptación da Inspección Educativa.

Conseguindo os 39 docentes solicitados e reducindo as materias optativas, podería chegarse á presencialidade completa. Este cambio suporía un cambio na matrícula.

A Dirección do centro está a expensas do que decida a Consellería de Educación.



Ningún comentario:

Publicar un comentario