20 de abr. de 2021

Axudas do Concello de Pontevedra para mercar ordenadores (2)

As solicitudes de axudas poden presentarse presencialmente no Concello ou a través da súa sede electrónica.

Só pode presentarse unha solicitude por unidade de convivencia, aínda que esta pode incluír varias fillas ou fillos.

Terán prioridade nas concesións as familias con menor renda e maior puntuación nas circunstancias que recolle a convocatoria.

Poden aportarse certificados de ingresos de pensións, desemprego, Risga ou circunstancia similar, así como certificados de discapacidade ou dependencia, documentación relativa a violencia de xénero, sentencia de divorcio na que conste a custodia da descencendencia, resolución xudicial sobre acollemento ou tutela ou acreditación de monoparentalidade expedida pola Xunta de Galicia.

Documentación básica que será necesario achegar para presentar as solicitudes: DNI da persoa solicitante, libro de familia, declaración da Renda de 2019 dos membros da unidade familiar e certificado de matriculación no centro educativo no curso 2020-2021.

Os equipos informáticos obxecto de subvención (ordenadores portátiles ou de sobremesa) serán os adquiridos entre o 14 de marzo de 2020 e o 31 de decembro deste ano. As familias beneficiarias poderán cobrar por adiantado unha vez que a axuda estea concedida, precisando xustificar a compra coa factura do ordenador ou xustificante de pago antes do 31 de marzo de 2022 (e debendo devolver o importe en caso de non facelo).





19 de abr. de 2021

Axudas do Concello de Pontevedra para mercar ordenadores

Hoxe saíu publicada no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPP) a convocatoria das axudas para mercar ordenadores portátiles e de sobremesa para o alumnado (menor de 18 anos) de colexios e institutos do Concello de Pontevedra.

É unha iniciativa enmarcada dentro do Plan Supera 21.

Ábrese a entrega de solicitudes mañá, martes, 20 de abril, e pecharase o prazo o mércores 19 de maio.

As subvencións serán dun máximo de 400 euros por ordenador e de 2.000 euros por núcleo familiar.

As oficinas do Plan Supera 21 están situadas na Rúa Dona Teresa para poder facer efectiva esta solicitude de axudas.

As peticións serán tramitadas en réxime de concorrencia competitiva, e a concesión das subvencións realizarase mediante a comparación das solicitudes presentadas, coa fin de establecer unha orde de preferencia segundo necesidades.

As dúbidas que xurdan poderán resolverse chamando aos teléfonos 681 264 835 e 986 804 300 (extensións 7191 ou 7192).


Convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra:

https://www.pontevedraviva.com/uploads/textos/an.bop.pontevedra.20210419.2021019712.pdf



16 de abr. de 2021

Na pandemia da COVID-19

D. Juan J. Gestal Otero, Catedrático de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidade de Santiago de Compostela (USC), epidemiólogo, e membro do Comité Educativo asesor da Xunta de Galicia no eido docente ante a COVID-19, impartiu onte a charla “A pandemia da COVID-19: encarando a recta final!”, na USC, sobre a evolución neste momento da pandemia.

A situación actual é simple e clara, di el: “Para evitar a 4ª onda da pandemia ou diminuíla, hai que ser moi prudentes, MOI PRUDENTES, e evitar as transmisións por contaxios debidos a contactos”.

É un esforzo necesario, porque a xente quere estar con familiares e amizades, pero é aí onde están a darse os brotes máis importantes neste momento.


Hoxe volvemos ter malas noticias en Galicia: aumentan os concellos onde son necesarias máis restricións, e a situación comeza a complicarse, cunha importante suba dos contaxios e das persoas hospitalizadas.

NON compre agora xuntármonos para celebracións, aínda que sexan ao aire libre. As comidas grupais son focos de expansión do coronavirus.

Lembrades os refráns que din: “Máis vale tarde ca nunca” ou “Lento, pero seguro”? Lembrades aquela canción: “... después me dijo un arriero que no hay que llegar primero, pero hay que saber llegar”?... Pois neste momento son de aplicación!


Coidádevos e coidade as persoas ás que queredes!



Ilustracións de Milo Manara


Cribado da COVID-19 en alumnado dos institutos de Pontevedra

Unha iniciativa da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, en colaboración co Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra e as farmacias da provincia, aborda a necesidade de facer un cribado entre os e as adolescentes de 12 a 17 anos, a través das farmacias, no marco das accións de loita contra a COVID-19.

O éxito deste cribado, do que se beneficiará TODA a poboación, depende da participación masiva dos e das adolescentes a quen vai dirixido, e para iso é imprescindible a colaboración das familias na difusión desta iniciativa e na participación dos seus fillos e fillas na realización da proba.

A proba é moi sinxela: só se necesita unha mostra de saliva auto-recollida no domicilio do alumnado.

Hai que ir buscar o tubiño co reactivo a unha farmacia: se o alumnado é menor de 16 anos, ten que ir unha persoa adulta responsable de cada rapaz ou rapaza; se teñen 16 ou 17 anos, poden ir sós/soas coa tarxeta sanitaria e o DNI, e asinar na farmacia o papel da entrega do tubo.

Á mañá seguinte, teñen que volver á farmacia, co tubo coa saliva e deixalo alí.

É importante a participación nesta iniciativa para evitar brotes nos centros educativos.

Sen a vosa axuda este cribado non poderá levarse a cabo.


OLLO!

De todos xeitos, se un/unha rapaz/za ten síntomas da COVID-19 ou dunha catarreira, aínda que dea negativa esta proba, non hai que confiarse; sería necesario realizar unha PCR para confirmar ou desmentir o diagnóstico da proba de saliva.


Máis información na web do instituto, en:

https://www.edu.xunta.gal/centros/iessanchezcanton/aulavirtual/mod/forum/discuss.php?d=18510