Ante a situación
existente no curso actual 2020-2021 no noso instituto, de docencia
semipresencial en bacharelato, por mor da COVID-19, a Xunta Directiva da ANPA
levou a cabo as seguintes accións:
* Xuntarse urxentemente para chegar a acordos sobre as medidas a tomar.
* Apoiar as manifestacións das familias de bacharelato a favor da presencialidade 100%.
* Enviar un escrito ao Xefe Territorial da Consellería de Educación en Pontevedra, e solicitarlle unha xuntanza. Estamos agardando resposta.
* Enviar ás familias socias da ANPA con fillas e fillos en bacharelato unha enquisa, para poder tomar medidas en función das súas opinións.
* Xuntarse coa dirección do centro e os representantes do grupo de nais e pais para buscar solucións.
* Solicitar información ao Catedrático de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidade de Santiago de Compostela, e Epidemiólogo, D. Juan J. Gestal Otero, membro do Comité Educativo asesor da Xunta no eido docente ante a COVID-19, sobre cal é a mellor maneira (tendo en conta que hai varias) de levar adiante a educación 100% presencial e cos menores riscos posibles para a saúde.
* Asistir o venres 2 de outubro a dúas xuntanzas, con representantes da ANPA do IES Valle Inclán, e das nais e pais do grupos que están a mobilizar á opinión pública dos IES Sánchez Cantón e Valle Inclán:
1. Xuntanza pola mañá co BNG. Resumo dela:
“Asisten nais e pais afectados do Sánchez, do Valle Inclán, a representante da ANPA do Valle Inclán e o representante da ANPA do Sánchez Cantón. O BNG ve que se comete unha desigualdade e unha ilegalidade e por iso presenta unha pregunta para resposta oral no parlamento. Todos os presentes estamos de acordo en demandar as clases presenciais 100%. As do Valle Inclán comentan que a Dirección do centro comprometeuse a buscar solucións, entre elas o uso de anteparos. O BNG anímanos a falar con Alfonso Rueda e a seguir coas concentracións. Se hai repercusión mediática pódese levar ao Pleno do Parlamento. Pregúntanlle a Demetrio se hai algunha petición de espazos por parte das direccións dos IES e di que non, que non ve espazos do Concello que se poidan usar como aulas. Dentro dunha semana poden levalo ao Pleno do Concello (a presencialidade 100%) para visibilizar máis o conflito.”
2. Xuntanza pola tarde co PP. Resumo dela:
“Asisten Rafa Domínguez, Pepa Pardo, pais e nais dos dous institutos e representantes das dúas ANPA. Rafa trasladará hoxe ao Conselleiro de Educación o comentado na xuntanza: petición de 100% presencialidade. Informará ao grupo de nais e pais a semana vindeira da situación e non descarta organizar unha reunión dos presentes co Conselleiro. Parece que Inspección Educativa está buscando solucións, segundo comentan no grupo de pais e nais do Sánchez Cantón. Rematada a reunión, Moncho propón non parar a presión e facer outra concentración o mércores sobre as 20 h.”
Ningún comentario:
Publicar un comentario