21 de feb. de 2021

Mensaxe da Directora Xeral da UNESCO, Audrey Azoulay, con motivo do Día Internacional da Lingua Materna


Mensaxe da Directora Xeral da UNESCO, Audrey Azoulay,
con motivo do Día Internacional da Lingua Materna


“Fomentar o multilingüismo para a inclusión na educación e a sociedade”

21 de febreiro de 2021


Cada 21 de febreiro, no Día Internacional da Lingua Materna, ponse de releve a importancia da diversidade lingüística e o multilingüismo, que son un patrimonio inestimable da humanidade.

Esta edición celébrase nun momento en que o mundo atravesa unha crise sen precedentes.

Esta situación está tendo consecuencias. As desigualdades educativas agudizáronse en todo o mundo, porque, dos 1 500 millóns de alumnos que se viron privados do acceso ás súas aulas no momento álxido da pandemia, demasiados quedaron sen solucións accesibles de educación a distancia.

Ademais, a cancelación de festivais e cerimonias, ou a fraxilidade económica dos creadores e os medios de comunicación, poñen en risco a diversidade cultural.

Precisamente, promover o uso da lingua materna contribúe a facilitar o acceso de todas as persoas á educación e, ao mesmo tempo, a difusión das culturas en toda a súa diversidade.

Así, o tema desta edición, “Fomentar o multilingüismo para a inclusión na educación e a sociedade”, invítanos a apoiar o multilingüismo e o uso das linguas maternas, tanto na escola como na vida cotiá.

Trátase dunha cuestión esencial, porque, a escala mundial, o 40% das persoas non teñen acceso á educación na lingua que mellor falan ou entenden, o que dificulta tanto a súa aprendizaxe como o seu acceso ao patrimonio e ás expresións culturais.

Este ano préstase especial atención á educación multilingüe dende a primeira infancia, con obxecto de que a lingua materna sexa sempre unha avantaxe para os raparigos.

Tanto na educación como en todos os ámbitos da nosa sociedade, o multilingüismo é un factor fundamental para a igualdade, e a UNESCO comprométese a promovelo en todas as partes. Por exemplo, a Organización fomenta a diversidade lingüística en Internet coa fin de mellorar o acceso universal á información e ao coñecemento.

Con ese mesmo espírito, e no marco do Decenio Internacional das Linguas Indíxenas (2022-2032), do que o organismo coordinador é a UNESCO, estanse elaborando plans de acción para situar o multilingüismo como unha prioridade central nas sociedades, especialmente as indíxenas.

Por iso, este Día, e este Decenio, colocan ante nós un  reto: preservar a diversidade lingüística como patrimonio común.

Porque cando unha lingua morre, con ela desaparece un xeito de ver, sentir e pensar o mundo, e múrchase irremediablemente a diversidade cultural.

Polo tanto, neste Día Internacional, a UNESCO fai un chamamento para celebrar o mundo en toda a súa diversidade e apoiar o multilingüismo na vida cotiá.



Ningún comentario:

Publicar un comentario